Posts Tagged ‘Sociolingüística’

Ana Iglesias, entrevista en «A Nosa Terra»

Marzo 16, 2009

Ana Iglesias, especialista en sociolingüística (autora, entre outros traballos de Falar galego: «No veo por qué») e coautora dos libros de Lingua e Literatura de Bacharelato de Xerais, é entrevistada en A Nosa Terra. Recuperamos un breve fragmento desta entrevista:

ana_iglesiasxg00057501

A cuestión da lingua ocupa parte do discurso de Núñez Feixóo, até que punto recolle un sentir cidadá?

Eu non o percibo, non vexo rexeitamento nas familias. É certo que se aplicaron algunhas medidas inspiradas no Plan Xeral de Normalización, isto é moi importante, pero non observei oposición na educación. Teño un coñecemento moi próximo porque a miña condición de coordinadora de normalización do meu centro mantenme en contacto co resto dos colexios. Por iso sei que só houbo unha queixa por escrito nun colexio e dúas nas galescolas.

Hai grupos que se senten ameazados polo galego?

As reticencias proveñen dos contornos castelán falantes que tradicionalmente non se vían obrigados a aprender galego e agora si porque se introduce no ensino e porque é máis necesario que antes ao ocupar parte do espazo do castelán. É a expresión do “privilexio” dos que non tiñan que molestarse en coñecelo que vén acompañado dun discurso sobre unha “imposición”.

Feixóo vai garantir o dereito dos pais a elixiren lingua?

Iso é inviábel; nin sequera chegaría cos profesores que hai. Non se pode dicir que se ama o galego e consentir a súa desaparición. Ademais, a segregación incumpre a lei de normalización, que no artigo 14.3 afirma que a educación debe proporcionarlles aos rapaces a capacidade de seren bilingües e multilingües. Feixóo non pode demostrar ignorar unha lei que foi aprobada por unanimidade.

Lingua e sociedade na «Revista das letras» de Galicia Hoxe

Marzo 13, 2009

No suplemento «Revista das letras» do xornal Galicia Hoxe publícase o xoves 12 de marzo un interesante estudo da situación actual da lingua galega en relación co xénero, coa clase social e coa ideoloxía. Ademais, desenvólvese unha ampla reflexión sobre a influencia dos movementos sociais que foron xurdindo dende o século XIX para pronunciarse a respecto do idioma galego, tanto na súa defensa, como para opoñerse á súa normalización.

Recollemos algúns parágrafos significativos:

revista_letras_01«A idealización da muller, como a do idioma galego, non é, segundo Queizán, máis que un mecanismo compensatorio propio dunha situación social e culturalmente construída –e non natural– na que o poder e o prestixio seguen a estar en mans de homes, no caso das relacións de xénero, e do castelán, no caso das lingüísticas.»

«Segundo salienta [Henrique Monteagudo], filólogos e historiadores de tradición nacional española tenden a interpretar a expansión do castelán como un resultado do seu maior prestixio cultural e literario, mentres que expertos da tradición nacional da periferia salientan o factor da dominación sociopolítica de Castela e a imposición. Monteagudo cre que a explicación reside en ambas. O nacionalismo galego subliñou o centralismo e a imposición, mentres que a última é negada desde posicións nacionalistas españolas, que mesmo chegan a defender unha pretendida superioridade intrínseca do castelán respecto do galego.»

«Non parece haber unha relación clara entre uso do galego e preferencia polo termo nación, que si é máis evidente en uso de castelán e escolla do terno rexión. Canto ao eixo esquerda-dereita, non se atoparon asociacións evidentes: aínda que si un aumento do monolingüismo en castelán canto máis á dereita.»

“De aldeanos” (“De aldeáns”)

Xuño 21, 2008

Cremos que esta curta, gañadora do Iº Premio de curtas na rede, constitúe un interesante recurso didáctico para abordar os contidos de sociolingüística.

Recurso de aula: artigo xornalístico de opinión de Xesús Fraga

Maio 20, 2008

Na edición dixital de A Nosa Terra podemos acceder ao artigo de opinión de Xesús Fraga, que leva por título «A bendita intranscendencia do pop», e que resultou gañador do IV Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2008. Este texto pode ser empregado como recurso de aula en todos os cursos de ESO e en 2º de Bacharelato:

Recurso de aula: entrevista a María Pilar Freitas

Maio 9, 2008

Na sección «Luces» de El País aparece esta entrevista á autora de A represión lingüística en Galiza no século XX, que pode ser empregado como recurso de aula en 1º e 2º de Bacharelato.