O Consello da Cultura Galega realizou unha edición facsimilar do manuscrito autógrafo da “Égloga de Benigno e Belmiro”, de Nicomedes Pastor Díaz, un dos escritores do Prerrexurdimento que estudamos en Lingua e Literatura de 1º de Bacharelato. Este texto foi descuberto e publicado por Xosé María Álvarez Blázquez, autor homenaxeado este ano con motivo do Día das Letras Galegas.
En 1951 a editorial Monterrey, fundada polo propio Álvarez Blázquez o ano anterior, publicou Poesías galegas. Égloga de Belmiro e Benigno. A alborada, onde se recolle toda a poesía galega de Nicomedes Pastor Díaz con ilustracións a cor de Xosé Sesto.
No ano 2001, e debido á celebración dos Premios Xerais en Viveiro, lugar de nacemento do autor da Égloga, Edicións Xerais de Galicia, en colaboración con este Concello, preparou unha edición facsimilar da primeira de Monterrey.