Posts Tagged ‘libro do alumnado’

«Lingua e Literatura 2º de ESO»: novo libro do alumnado para o curso 2008-2009

Maio 26, 2008

O novo manual que Edicións Xerais presenta para o alumnado de Lingua e Literatura 2º de ESO foi elaborado por Agustín Fernández Paz, Emiliano Orizales Orizales, Xosé Manuel Moo Pedrosa, Ramón Nicolás Rodríguez e Anaír Rodríguez Rodríguez.

Esta nova proposta, con 200 páxinas, presenta doce unidades onde se desenvolve o currículo establecido pola Consellaría de Educación da Xunta de Galicia (2007). Na parte final engádese un apéndice de contidos morfolóxicos, ortográficos e o vocabulario traballado no libro.

Cada unidade consta dos seguintes apartados:

LECTURA: proposta dun texto de traballo pertencente a distintas tipoloxías e xéneros literarios (narrativa, poesía, teatro, cómic, reportaxe), con ilustracións de Javi Montes.

TRABALLO CO TEXTO: proposta de actividades a partir da lectura estruturada en tres apartados (ao igual que no resto dos cursos da ESO):
– Comprendemos: comprensión textual oral e escrita.
– Expresámonos: expresión oral e escrita.
– Reflexionamos: actividades sobre ortografía, léxico, morfosintaxe, fraseoloxía…
Sempre que sexa pertinente, ofrécense referencias a páxinas web para ampliar coñecementos sobre o autor ou autora, ou sobre algún aspecto traballado na dobre páxina.

FORMAS DE COMUNICACIÓN: neste apartado abórdanse contidos sobre comunicación textual oral e escrita, tipoloxía textual e xéneros literarios. Entre outros, preséntanse os seguintes contidos:
– Textos instrutivos (unidade 3).
– A noticia e a crónica (unidade 4), con fichas de análise e concedéndolle moita importancia a información gráfica.
– Un mundo de mensaxes: cartas persoais, correo electrónico, diario, blog… (unidade 5).
– Escribir co procesador de textos (unidade 7).

OS NOMES DAS COUSAS: dobre páxina onde se traballan os contidos léxicos a partir dunha ilustración a gran tamaño. Ao final de cada dobre páxina, nun recadro denominado “A voltas co vocabulario” incídese en determinados contidos relacionados co léxico e a semántica (prefixación, sufixación, sinonimia, polisemia…).

A LINGUA POR DENTRO: desenvólvense os contidos de morfosintaxe a partir dos textos, cun enfoque comunicativo:
– Trabállanse as categorías gramaticais e as funcións sintácticas, relacionándoas coas unidades que desempeñan estas funcións.
– Os contidos conceptuais máis importantes aparecen claramente destacados, mediante filetes ou mediante cadros que permiten que o alumnado poida discernir con facilidade a información principal da secundaria.
– Ao final do apartado ofrécese unha síntese dos contidos traballados.

LINGUA E SOCIEDADE: abórdanse os contidos de sociolingüística, cun tratamento moi visual da información (mapas, gráficos, viñetas…) e con propostas de traballo coas novas tecnoloxías.

ESCRIBIMOS BEN: preséntanse os contidos de ortografía, adecuación, coherencia e cohesión textual.
– Primeira páxina: contidos de ortografía e puntuación, sempre partindo de textos.
– Segunda páxina: contidos de gramática textual e de comprensión e produción de textos. Diversidade textual: textos literarios, xornalísticos, extraídos das novas tecnoloxías, textos de instrucións, correos electrónicos…

Premendo na imaxe que vén deseguido pódese ver, completa, a táboa de contidos do libro.

«Os Libros de Merlín»: Lecturas 3º e 4º de Educación Primaria

Maio 15, 2008

A compilación de lecturas que presenta Edicións Xerais para o alumnado de e de Educación Primaria foi elaborada por Xosé Lastra Muruais (coordinador), Óscar González Montañés, Marga Pernas Pernas e Rosana Rodiles Lamas.
As lecturas, 15 para cada curso, foron recollidas baixo o título de Os Libros de Merlín. Pertencen a diferentes autores e autoras, van acompañadas de ilustracións elaboradas para cada texto por un/unha artista diferente e comprenden a tipoloxía textual requirida para o alumnado destes cursos.
Os libros de Merlín 3 e 4 presentan a mesma estrutura, aínda que as lecturas escolmadas para o libro de 4º son algo máis extensas.

LECTURA DE IMAXES
Este apartado precede a cada lectura e pretende servir para realizaren unha aproximación a aspectos que aparecen nas lecturas, co fin de que determinados conceptos estean presentes á hora de leren os textos.
Trátase de inicialos/as na análise de imaxes e que falen sobre o que vemos dun xeito organizado, estruturando o espazo e o que se di. En resumo, ademais de desenvolver estratexias de observación, localización espacial, análise… facilita o desenvolvemento da competencia lingüística na súa dimensión da expresión oral.
Tense en conta a necesidade que teñen de aprenderen por repetición, para lles dar seguridade. Para iso proponse unha metodoloxía de rutinas na análise das imaxes: ¿como son as persoas, animais e cousas que aparecen? Esta mesma estratexia servirá para establecermos comparacións, semellanzas e diferenzas, entre os elementos da composición gráfica.
As estruturas lingüísticas orais propóñense tamén de forma ríxida, a partir da pregunta. Isto permitiralles aprender a rapaces e rapazas que non dominan a lingua suficientemente.

LECTURAS
Pretendemos que, por medio das lecturas escollidas e dos traballos propostos, se poidan abordar unha boa parte dos contidos da área de Lingua galega e literatura para este segundo ciclo da Educación Primaria, así como desenvolver convenientemente moitas das competencias básicas, non só da de comunicación lingüística.
A selección das lecturas realizouse sobre unha ampla escolma previa e atendendo a aspectos como:

  • que resultasen atractivas e motivadoras para as nenas e os nenos destas idades, e que achegasen posibilidades múltiples de realizaren actividades significativas para moitos contidos.
  • que fosen dunha dimensión axustada para poderen ser traballadas nun tempo axeitado.
  • que estivesen debidamente contextualizadas, de forma que, aínda tratándose en moitos casos de fragmentos, tivesen en si mesmos senso suficiente como para seren comprendidos e para poder realizaren actividades variadas sobre eles.
  • que amosasen diferentes tipoloxías textuais, incluíndo textos narrativos, poéticos, teatrais, informativos, cómics, literatura oral e popular…
  • que permitisen achegarse a textos de diferentes épocas (aínda que maioritariamente actuais) e autores/as.
  • que permitisen abordar distintos centros de interese.
  • que, na maioría dos casos, se puidese dispoñer dos libros nas bibliotecas dos centros, para poderen lelos completos.

Inclúen os vocabularios daquelas palabras que resultan de máis difícil comprensión por parte das nenos e dos nenos.

ACTIVIDADES
As actividades propostas son só algunhas posibles, aínda que se poden realizar outras moitas, mesmamente de aspectos de morfosintaxe que non se abordan explicitamente nestes libros de lecturas.
Pretendemos que se dirixisen fundamentalmente a:

  • Comprensión lectora, incluíndo os aspectos léxicos.
  • Diferentes tipoloxías do/s texto/s propostos: narración, conto, poesía, teatro, cómic, textos informativos…
  • Centros de interese máis salientables.
  • Desenvolvemento das TIC.

A MÚSICA
Dentro das lecturas e das actividades aparecen unha serie de cantigas que poden ser escoitadas no CD-DVD Estiñada, do Grupo Ledicia, que se lle achega ao profesorado.
En concreto son 10 cantigas (5 en cada curso), das que se proporcionan as partituras e tamén unha gravación coas bases instrumentais para que poidan ser cantadas na clase. Son estas:

O Libro de Merlín 3
A bicicleta
A buxaina
Unha noite na lagoa
O piollo e a pulga
A lúa viaxeira


O libro de Merlín 4
O tren
A ecoloxista
Nadal na lembranza
Romance de Bernaldino e Sabeliña
O concerto

«Lingua e Literatura 4º de ESO»: novo libro do alumnado para o curso 2008-2009

Maio 13, 2008

O novo manual que Edicións Xerais presenta para o alumnado de Lingua e Literatura 4º de ESO foi elaborado por Agustín Fernández Paz, Emiliano Orizales Orizales, Xosé Manuel Moo Pedrosa, Ramón Nicolás Rodríguez e Anaír Rodríguez Rodríguez.

Esta nova proposta, con 280 páxinas, presenta doce unidades onde se desenvolve o currículo establecido pola Consellaría de Educación da Xunta de Galicia (2007). Na parte final engádese un apéndice cos seguintes contidos: a literatura e os xéneros literarios, algúns termos literarios, comentario de textos literarios, vocabulario, un cadro para entender a literatura galega do século XX e comezos do XXI.

Cada unidade consta dos seguintes apartados:

LITERATURA: dúas dobres páxinas onde se abordan os contidos de historia da literatura do século XX e comezos do XXI, cunha redacción moi sintética e clara e con abundante documentación gráfica. Proposta de actividades de comprensión dos coñecementos adquiridos ao final de cada apartado.

ESCOLMA: recompilación de textos da época literaria ou dos autores tratados en cada unidade, con fragmentos de contextualización de cada texto.

LECTURA: proposta dun texto literario de traballo pertencente á época ou ao autor ou autora tratados, con iustracións de Ramón Trigo.

TRABALLO CO TEXTO: proposta de actividades a partir da lectura estruturada en tres apartados (ao igual que no resto dos cursos da ESO):
– Comprendemos: comprensión textual oral e escrita.
– Expresámonos: expresión oral e escrita.
– Reflexionamos: actividades sobre ortografía, léxico, morfosintaxe, fraseoloxía…
Sempre que sexa pertinente, ofrécense referencias a páxinas web para ampliar coñecementos sobre o autor ou autora, ou sobre algún aspecto traballado na dobre páxina.

FORMAS DE COMUNICACIÓN: este apartado novo, que non estaba na edición anterior do libro, aborda contidos sobre comunicación textual oral e escrita. Ademais das unidades concretas referidas a contidos establecidos no currículo (comprensión e produción de textos expositivos e argumentativos, solicitudes, reclamacións, currículo, as TIC, os textos publicitarios…), ofrécense unha serie de alternativas innovadoras para axudar no proceso de composición de textos, así como varias propostas de actividades creativas de composición de textos.

OS NOMES DAS COUSAS: dobre páxina onde se traballan os contidos léxicos a partir dunha ilustración a gran tamaño.

A LINGUA POR DENTRO: contidos de morfosintaxe a partir dos textos. Trabállanse as categorías gramaticais e as funcións sintácticas, relacionándoas coas unidades que desempeñan estas funcións. Os contidos conceptuais máis importantes aparecen claramente destacados, mediante filetes ou mediante cadros que permiten que o alumnado poida discernir con facilidade a información principal da secundaria. Ao final do apartado ofrécese unha síntese dos contidos traballados.

ESCRIBIMOS BEN: desenvolvemento dos contidos de ortografía, adecuación, coherencia e cohesión textual. Exemplificado con textos extraídos de ámbitos moi diversos: noticias, cartas ao director, textos de Internet, enciclopedias, anuncios breves, textos publicitarios, folletos informativos…
– Composición de textos.
– Conectores textuais.
– Traballo co parágrafo.
– Incorreccións máis habituais.

LINGUA E SOCIEDADE: unha páxina que pecha cada unidade, onde se desenvolven os contidos de sociolingüística, cun tratamento moi visual da información (mapas, gráficos…) e con propostas de traballo coas novas tecnoloxías.

Aquí abaixo pódese ver, completa, a táboa de contidos do libro e mais o despregable do apéndice onde se facilita un práctico cadro cronolóxico para entender a literatura galega do século XX e comezos do XXI:

«Lingua e Literatura 1º de Bacharelato»: novo libro do alumnado para o curso 2008-2009

Maio 8, 2008

O novo manual de Edicións Xerais para o alumnado de Lingua e Literatura 1º de Bacharelato foi elaborado por Ana Iglesias Álvarez, Xosé Manuel Moo Pedrosa, Xosé Ramón Pena Sánchez, Anaír Rodríguez Rodríguez e Manuel Rosales Cereijo.

Esta nova proposta, con 344 páxinas, presenta dez unidades de lingua e outras dez de literatura, onde se desenvolven os contidos do currículo de Bacharelato LOE (2008). Na parte final engádese un apéndice gramátical onde se poden consultar os paradigmas ortográficos e morfolóxicos.

No apartado «REFLEXIÓN SOBRE O TEXTO», que abre cada unidade de lingua, trabállase, dende un enfoque comunicativo, a comprensión e composición textual a partir de textos de diversas tipoloxías e ámbitos (narrativo, descritivo, dialogado, expositivo, argumentativo, ensaio, noticia, reportaxe, artigo de opinión, novas tecnoloxías). Así mesmo, neste apartado tamén se propoñen actividades para reforzar os contidos morfosintácticos, ortográficos e léxicos dende os coñecementos previos do alumnado.


En «LINGUA E SOCIEDADE» desenvólvense os contidos de sociolingüística (historia da lingua, linguas do mundo e de Europa, rexistros lingüísticos…), de forma moi clara e sistematizada e co apoio de cadros, gráficos, mapas e esquemas. En moitos casos, as actividades van enfocadas ao traballo coas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC).

No apartado «ESTUDO DA LINGUA» son tratados os contidos de morfosintaxe: clases de palabras, disciplinas lingüísticas…

En «LÉXICO E SEMÁNTICA» desenvólvense contidos como relacións de significado, prefixos e sufixos, familias léxicas, terminoloxía específica, fraseoloxía, toponimia e antroponimia…

O apartado «LITERATURA», cun enfoque claramente comunicativo, partindo sempre dos textos, presenta os contidos de historia da literatura dende os comezos ata o século XIX, así como o tratamento dos distintos xéneros e recursos literarios.

Os «TEXTOS DE TRABALLO» son unha brevísima escolma de textos da época literaria estudada en cada unidade con propostas de actividades para traballar distintos aspectos deses textos.