Posts Tagged ‘Irmandades_da_Fala’

Edítase o facsímile do Manifesto da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala

Novembro 21, 2008

manifesto_irmandadesA Fundación Galiza Sempre acaba de publicar un facsímile do Manifesto da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala, celebrada en Lugo os días 17 e 18 de novembro de 1918.

O movemento das Irmandades da Fala xurdira en maio de 1916 na Coruña promovido por Antón Vilar Ponte e tiña como obxectivo principal o de reivindicar a lingua e a cultura de Galicia. Pouco a pouco constituíronse outras agrupacións locais en Santiago de Compostela, Monforte de Lemos, Pontevedra, Ourense e Vilalba e fóronse sumando intelectuais e escritores como Castelao, Cabanillas, Risco, etc., que participaban activamente na publicación de A Nosa Terra, voceiro das Irmandades da Fala dende novembro de 1916. Na Asemblea Nacionalista de Lugo de 1918 estas agrupacións convertéronse nunha federación, que tiña entre os seus obxectivos:

– A cooficialidade lingüística entre galego e castelán.

– Unha ampla autonomía que permitise resolver os problemas económicos e sociais do país.

– Fomentar a cultura propia de Galicia.

– O ingreso das nacionalidades na Liga das Nacións e federalismo con Portugal.

Faise eco desta noticia o xornal dixital Vieiros.

O profesorado pode empregar este recurso para ampliar información sobre a unidade 1 de 4º de ESO e sobre a unidade onde se tratan as Irmandades da Fala en 2º de Bacharelato. Tamén é de interese para as unidades de ESO e Bacharelato onde se trata a historia da lingua galega no século XX.

Advertisement