Posts Tagged ‘Galicia_Hoxe’

Lingua e sociedade na «Revista das letras» de Galicia Hoxe

Marzo 13, 2009

No suplemento «Revista das letras» do xornal Galicia Hoxe publícase o xoves 12 de marzo un interesante estudo da situación actual da lingua galega en relación co xénero, coa clase social e coa ideoloxía. Ademais, desenvólvese unha ampla reflexión sobre a influencia dos movementos sociais que foron xurdindo dende o século XIX para pronunciarse a respecto do idioma galego, tanto na súa defensa, como para opoñerse á súa normalización.

Recollemos algúns parágrafos significativos:

revista_letras_01«A idealización da muller, como a do idioma galego, non é, segundo Queizán, máis que un mecanismo compensatorio propio dunha situación social e culturalmente construída –e non natural– na que o poder e o prestixio seguen a estar en mans de homes, no caso das relacións de xénero, e do castelán, no caso das lingüísticas.»

«Segundo salienta [Henrique Monteagudo], filólogos e historiadores de tradición nacional española tenden a interpretar a expansión do castelán como un resultado do seu maior prestixio cultural e literario, mentres que expertos da tradición nacional da periferia salientan o factor da dominación sociopolítica de Castela e a imposición. Monteagudo cre que a explicación reside en ambas. O nacionalismo galego subliñou o centralismo e a imposición, mentres que a última é negada desde posicións nacionalistas españolas, que mesmo chegan a defender unha pretendida superioridade intrínseca do castelán respecto do galego.»

«Non parece haber unha relación clara entre uso do galego e preferencia polo termo nación, que si é máis evidente en uso de castelán e escolla do terno rexión. Canto ao eixo esquerda-dereita, non se atoparon asociacións evidentes: aínda que si un aumento do monolingüismo en castelán canto máis á dereita.»

Advertisement