Posts Tagged ‘culturagalega’

Vocabulario Multilingüe de Economía na rede

Novembro 4, 2008

Informan Vieiros e Culturagalega de que a partir deste momento pódese utilizar unha nova ferramenta en Internet: o Vocabulario Multilingüe de Economía, proxecto coordinado pola Universidade de Santiago e pola Universidade Pompeu Fabra de Cataluña. Nesta páxina podemos consultar terminoloxía específica sobre economía en distintas linguas: galego, catalán, éuscaro, castelán e inglés.

Aínda que nestes momentos non está totalmente depurada, pode ser de interese para ampliar información sobre os temas de terminoloxía específica propostos nas unidades 6 e 7 (apartado de Léxico) do libro do alumnado de Lingua e Literatura 1º de Bacharelato de Xerais.

Advertisement

Entrevista a Agustín Fernández Paz

Xullo 10, 2008

Culturagalega.org volve ofrecernos unha moi interesante entrevista. Neste caso, Agustín Fernández Paz reflexiona sobre a situación actual da literatura infantil e xuvenil en Galicia, e sobre as claves para entender a súa consolidación no noso sistema literario. Ademais tamén nos fala da súa última obra, O único que queda é o amor, recentemente traducida ao portugués, e fainos algunhas recomendacións de lecturas para este verán.

Linguas en perigo

Xuño 24, 2008

Parécenos moi interesante a entrevista que en culturagalega lle fan a Carme Junyent a partir da súa participación no encontro «Sociedades plurilingües: da unidade á diversidade», que se celebrou a semana pasada no Consello da Cultura Galega.

Segundo esta investigadora, presidenta do «Grup d’Estudi de Llengües Amenaçades» e unha das maiores especialistas da Península en linguas en perigo, durante o século XXI desaparecerán entre o 50 e o 90% das linguas faladas actualmente, entre outros motivos porque máis dun 40% das linguas xa non se están transmitindo interxeracionalmente. Destaca ademais Carme Junyent a perda de coñecemento que supón a desaparición dunha lingua.

Esta entrevista pode ter moi bo aproveitamento como recurso de aula para traballar os seguintes contidos de Lingua 1º de Bacharelato:

– A diversidade lingüística no mundo e en Europa: unidade e diversidade lingüística. Multilingüismo e plurilingüismo.

– A diversidade lingüística na Península Ibérica: linguas faladas na Península Ibérica. Territorios usos e situación legal. O caso galego.

Tamén pode servir para contidos de 2º de Bacharelato:

– Linguas minorizadas e linguas minoritarias. O galego: lingua en vías de normalización.