Posts Tagged ‘Castelao’

Flocos.tv, un recurso interesante sobre cine galego

Xaneiro 7, 2009

cartel_pai_miguelinoFlocos.tv é unha páxina creada hai uns meses pola Axencia Audiovisual Galega e que ten un grande interese para obter información histórica e actual sobre o cine galego, tanto no que se refire á ficción, como ao cine de animación ou ao documental.
Ademais, conta tamén cun apartado de ciclos temáticos do cal nestes momentos recomendamos o denominado «Especial anos 70 (I)», onde se poden ver as curtas «O pai de Migueliño» de Miguel Castelo e «O cadaleito» Enrique Rodríguez Baixeras. Estas obras foron realizadas baseándose nos contos «O pai de Migueliño», de Castelao (Cousas) e «A caixa do morto», de Ánxel Fole (Á lus do candil).
Recomendamos o seu emprego como recurso didáctico de literatura comparada cando se traballen as obras destes dous autores e para o tratamento específico do tema do cine, que nos libros de Xerais se atopa na unidade 6 de Lingua e Literatura 3º de ESO (apartados «Formas de comunicación» e «Os nomes das cousas»).

Advertisement

A obra plástica de Castelao dispoñible en Internet

Novembro 19, 2008

castelao_caricaturaO Museo de Pontevedra pon a disposición dos usuarios e usuarias de Internet 1611 traballos gráficos de Castelao que se poden consultar e ampliar até o detalle. As ilustracións de As cruces de pedra na Bretaña, as de Os dous de sempre, as de Os vellos non deben de namorarse, cadros, distintos borradores para carteis… A partir de agora todo isto está accesible na páxina web do Museo de Pontevedra.

Un recurso interesante para ampliar información sobre o autor de Rianxo, sobre todo en 4º de ESO e en 2º de Bacharelato.