Posts Tagged ‘A_Nosa_Terra’

Ana Iglesias, entrevista en «A Nosa Terra»

Marzo 16, 2009

Ana Iglesias, especialista en sociolingüística (autora, entre outros traballos de Falar galego: «No veo por qué») e coautora dos libros de Lingua e Literatura de Bacharelato de Xerais, é entrevistada en A Nosa Terra. Recuperamos un breve fragmento desta entrevista:

ana_iglesiasxg00057501

A cuestión da lingua ocupa parte do discurso de Núñez Feixóo, até que punto recolle un sentir cidadá?

Eu non o percibo, non vexo rexeitamento nas familias. É certo que se aplicaron algunhas medidas inspiradas no Plan Xeral de Normalización, isto é moi importante, pero non observei oposición na educación. Teño un coñecemento moi próximo porque a miña condición de coordinadora de normalización do meu centro mantenme en contacto co resto dos colexios. Por iso sei que só houbo unha queixa por escrito nun colexio e dúas nas galescolas.

Hai grupos que se senten ameazados polo galego?

As reticencias proveñen dos contornos castelán falantes que tradicionalmente non se vían obrigados a aprender galego e agora si porque se introduce no ensino e porque é máis necesario que antes ao ocupar parte do espazo do castelán. É a expresión do “privilexio” dos que non tiñan que molestarse en coñecelo que vén acompañado dun discurso sobre unha “imposición”.

Feixóo vai garantir o dereito dos pais a elixiren lingua?

Iso é inviábel; nin sequera chegaría cos profesores que hai. Non se pode dicir que se ama o galego e consentir a súa desaparición. Ademais, a segregación incumpre a lei de normalización, que no artigo 14.3 afirma que a educación debe proporcionarlles aos rapaces a capacidade de seren bilingües e multilingües. Feixóo non pode demostrar ignorar unha lei que foi aprobada por unanimidade.

Advertisement

Edítase o facsímile do Manifesto da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala

Novembro 21, 2008

manifesto_irmandadesA Fundación Galiza Sempre acaba de publicar un facsímile do Manifesto da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala, celebrada en Lugo os días 17 e 18 de novembro de 1918.

O movemento das Irmandades da Fala xurdira en maio de 1916 na Coruña promovido por Antón Vilar Ponte e tiña como obxectivo principal o de reivindicar a lingua e a cultura de Galicia. Pouco a pouco constituíronse outras agrupacións locais en Santiago de Compostela, Monforte de Lemos, Pontevedra, Ourense e Vilalba e fóronse sumando intelectuais e escritores como Castelao, Cabanillas, Risco, etc., que participaban activamente na publicación de A Nosa Terra, voceiro das Irmandades da Fala dende novembro de 1916. Na Asemblea Nacionalista de Lugo de 1918 estas agrupacións convertéronse nunha federación, que tiña entre os seus obxectivos:

– A cooficialidade lingüística entre galego e castelán.

– Unha ampla autonomía que permitise resolver os problemas económicos e sociais do país.

– Fomentar a cultura propia de Galicia.

– O ingreso das nacionalidades na Liga das Nacións e federalismo con Portugal.

Faise eco desta noticia o xornal dixital Vieiros.

O profesorado pode empregar este recurso para ampliar información sobre a unidade 1 de 4º de ESO e sobre a unidade onde se tratan as Irmandades da Fala en 2º de Bacharelato. Tamén é de interese para as unidades de ESO e Bacharelato onde se trata a historia da lingua galega no século XX.