Flocos.tv é unha páxina creada hai uns meses pola Axencia Audiovisual Galega e que ten un grande interese para obter información histórica e actual sobre o cine galego, tanto no que se refire á ficción, como ao cine de animación ou ao documental.
Ademais, conta tamén cun apartado de ciclos temáticos do cal nestes momentos recomendamos o denominado «Especial anos 70 (I)», onde se poden ver as curtas «O pai de Migueliño» de Miguel Castelo e «O cadaleito» Enrique Rodríguez Baixeras. Estas obras foron realizadas baseándose nos contos «O pai de Migueliño», de Castelao (Cousas) e «A caixa do morto», de Ánxel Fole (Á lus do candil).
Recomendamos o seu emprego como recurso didáctico de literatura comparada cando se traballen as obras destes dous autores e para o tratamento específico do tema do cine, que nos libros de Xerais se atopa na unidade 6 de Lingua e Literatura 3º de ESO (apartados «Formas de comunicación» e «Os nomes das cousas»).