Posts Tagged ‘4º de Educación Primaria’

«Os Libros de Merlín»: Lecturas 3º e 4º de Educación Primaria

Maio 15, 2008

A compilación de lecturas que presenta Edicións Xerais para o alumnado de e de Educación Primaria foi elaborada por Xosé Lastra Muruais (coordinador), Óscar González Montañés, Marga Pernas Pernas e Rosana Rodiles Lamas.
As lecturas, 15 para cada curso, foron recollidas baixo o título de Os Libros de Merlín. Pertencen a diferentes autores e autoras, van acompañadas de ilustracións elaboradas para cada texto por un/unha artista diferente e comprenden a tipoloxía textual requirida para o alumnado destes cursos.
Os libros de Merlín 3 e 4 presentan a mesma estrutura, aínda que as lecturas escolmadas para o libro de 4º son algo máis extensas.

LECTURA DE IMAXES
Este apartado precede a cada lectura e pretende servir para realizaren unha aproximación a aspectos que aparecen nas lecturas, co fin de que determinados conceptos estean presentes á hora de leren os textos.
Trátase de inicialos/as na análise de imaxes e que falen sobre o que vemos dun xeito organizado, estruturando o espazo e o que se di. En resumo, ademais de desenvolver estratexias de observación, localización espacial, análise… facilita o desenvolvemento da competencia lingüística na súa dimensión da expresión oral.
Tense en conta a necesidade que teñen de aprenderen por repetición, para lles dar seguridade. Para iso proponse unha metodoloxía de rutinas na análise das imaxes: ¿como son as persoas, animais e cousas que aparecen? Esta mesma estratexia servirá para establecermos comparacións, semellanzas e diferenzas, entre os elementos da composición gráfica.
As estruturas lingüísticas orais propóñense tamén de forma ríxida, a partir da pregunta. Isto permitiralles aprender a rapaces e rapazas que non dominan a lingua suficientemente.

LECTURAS
Pretendemos que, por medio das lecturas escollidas e dos traballos propostos, se poidan abordar unha boa parte dos contidos da área de Lingua galega e literatura para este segundo ciclo da Educación Primaria, así como desenvolver convenientemente moitas das competencias básicas, non só da de comunicación lingüística.
A selección das lecturas realizouse sobre unha ampla escolma previa e atendendo a aspectos como:

  • que resultasen atractivas e motivadoras para as nenas e os nenos destas idades, e que achegasen posibilidades múltiples de realizaren actividades significativas para moitos contidos.
  • que fosen dunha dimensión axustada para poderen ser traballadas nun tempo axeitado.
  • que estivesen debidamente contextualizadas, de forma que, aínda tratándose en moitos casos de fragmentos, tivesen en si mesmos senso suficiente como para seren comprendidos e para poder realizaren actividades variadas sobre eles.
  • que amosasen diferentes tipoloxías textuais, incluíndo textos narrativos, poéticos, teatrais, informativos, cómics, literatura oral e popular…
  • que permitisen achegarse a textos de diferentes épocas (aínda que maioritariamente actuais) e autores/as.
  • que permitisen abordar distintos centros de interese.
  • que, na maioría dos casos, se puidese dispoñer dos libros nas bibliotecas dos centros, para poderen lelos completos.

Inclúen os vocabularios daquelas palabras que resultan de máis difícil comprensión por parte das nenos e dos nenos.

ACTIVIDADES
As actividades propostas son só algunhas posibles, aínda que se poden realizar outras moitas, mesmamente de aspectos de morfosintaxe que non se abordan explicitamente nestes libros de lecturas.
Pretendemos que se dirixisen fundamentalmente a:

  • Comprensión lectora, incluíndo os aspectos léxicos.
  • Diferentes tipoloxías do/s texto/s propostos: narración, conto, poesía, teatro, cómic, textos informativos…
  • Centros de interese máis salientables.
  • Desenvolvemento das TIC.

A MÚSICA
Dentro das lecturas e das actividades aparecen unha serie de cantigas que poden ser escoitadas no CD-DVD Estiñada, do Grupo Ledicia, que se lle achega ao profesorado.
En concreto son 10 cantigas (5 en cada curso), das que se proporcionan as partituras e tamén unha gravación coas bases instrumentais para que poidan ser cantadas na clase. Son estas:

O Libro de Merlín 3
A bicicleta
A buxaina
Unha noite na lagoa
O piollo e a pulga
A lúa viaxeira


O libro de Merlín 4
O tren
A ecoloxista
Nadal na lembranza
Romance de Bernaldino e Sabeliña
O concerto

Advertisement