Posts Tagged ‘2º Bacharelato’
Marzo 13, 2009
No suplemento «Revista das letras» do xornal Galicia Hoxe publícase o xoves 12 de marzo un interesante estudo da situación actual da lingua galega en relación co xénero, coa clase social e coa ideoloxía. Ademais, desenvólvese unha ampla reflexión sobre a influencia dos movementos sociais que foron xurdindo dende o século XIX para pronunciarse a respecto do idioma galego, tanto na súa defensa, como para opoñerse á súa normalización.
Recollemos algúns parágrafos significativos:
«A idealización da muller, como a do idioma galego, non é, segundo Queizán, máis que un mecanismo compensatorio propio dunha situación social e culturalmente construída –e non natural– na que o poder e o prestixio seguen a estar en mans de homes, no caso das relacións de xénero, e do castelán, no caso das lingüísticas.»
«Segundo salienta [Henrique Monteagudo], filólogos e historiadores de tradición nacional española tenden a interpretar a expansión do castelán como un resultado do seu maior prestixio cultural e literario, mentres que expertos da tradición nacional da periferia salientan o factor da dominación sociopolítica de Castela e a imposición. Monteagudo cre que a explicación reside en ambas. O nacionalismo galego subliñou o centralismo e a imposición, mentres que a última é negada desde posicións nacionalistas españolas, que mesmo chegan a defender unha pretendida superioridade intrínseca do castelán respecto do galego.»
«Non parece haber unha relación clara entre uso do galego e preferencia polo termo nación, que si é máis evidente en uso de castelán e escolla do terno rexión. Canto ao eixo esquerda-dereita, non se atoparon asociacións evidentes: aínda que si un aumento do monolingüismo en castelán canto máis á dereita.»
Etiquetas:2º Bacharelato, Galicia_Hoxe, Revista_das_letras, Sociolingüística
Publicado en Bacharelato, Recursos de aula, Sociolingüística, Textos | Leave a Comment »
Febreiro 25, 2009
A compañía de teatro Bicodobrelo leva á escena a obra de Manuel C. Núñez Singala Comedia bífida, onde se reflexiona sobre as actitudes lingüísticas dos galegos e galegas.
A obra estará na Sala Santart de Santiago de Compostela o sábado 28 de febreiro e o domingo 1 de marzo ás seis da tarde.
Interesante recurso para apoiar contidos como a normalización, as actitudes e prexuízos, e os usos lingüísticos do galego.
Etiquetas:1º ESO, 2º Bacharelato, 2º ESO, 3º ESO, 4º ESO, actitudes_lingüísticas, bicodobrelo, comedia_bífida, núñez_singala
Publicado en Bacharelato, ESO, Sociolingüística, Teatro | Leave a Comment »
Xaneiro 20, 2009
Onte foi presentada «
Exeria» unha aplicación informática que permite a revisión lingüística de textos coa finalidade de conseguir un uso non sexista da linguaxe. Esta ferramenta detecta unha serie de termos susceptibles dun uso sexista e propón diferentes suxestións e alternativas.
Ademais da propia aplicación, que se pode
descargar de balde na súa páxina e que e compatible cos sistemas operativos GNU/Linux, Windows e MacOSX, pódese consultar o seu
glosario dende a propia Rede.
En todos os seus materiais educativos Edicións Xerais intenta transmitirlle ao alumnado e ao profesorado a necesidade de utilizar unha linguaxe non sexista e non discriminatoria. Na materia de Lingua e literatura este é un contido que se presenta de forma transversal ao longo de todas as unidades e de todos os niveis. Ademais, tamén se trata de forma específica nalgúns apartados concretos, como no caso de «Lingua e sociedade» unidade 10 de Lingua e literatura 4ºde ESO: «Por unha linguaxe non sexista».
Dende Edicións Xerais de Galicia recibimos con agrado este tipo de iniciativas que contribúen a mellorar os usos lingüísticos e as relacións entre as persoas.
Etiquetas:1º Bacharelato, 1º ESO, 2º Bacharelato, 2º ESO, 3º ESO, 4º ESO, exeria, linguaxe_non_sexista
Publicado en Bacharelato, Descargas, ESO, Recursos de aula, Sociolingüística, TIC | Leave a Comment »
Xaneiro 7, 2009
Flocos.tv é unha páxina creada hai uns meses pola Axencia Audiovisual Galega e que ten un grande interese para obter información histórica e actual sobre o cine galego, tanto no que se refire á ficción, como ao cine de animación ou ao documental.
Ademais, conta tamén cun apartado de ciclos temáticos do cal nestes momentos recomendamos o denominado «Especial anos 70 (I)», onde se poden ver as curtas «O pai de Migueliño» de Miguel Castelo e «O cadaleito» Enrique Rodríguez Baixeras. Estas obras foron realizadas baseándose nos contos «O pai de Migueliño», de Castelao (Cousas) e «A caixa do morto», de Ánxel Fole (Á lus do candil).
Recomendamos o seu emprego como recurso didáctico de literatura comparada cando se traballen as obras destes dous autores e para o tratamento específico do tema do cine, que nos libros de Xerais se atopa na unidade 6 de Lingua e Literatura 3º de ESO (apartados «Formas de comunicación» e «Os nomes das cousas»).
Etiquetas:2º Bacharelato, 3º ESO, 4º ESO, Axencia_Audiovisual_Galega, Ánxel_Fole, Á_lus_do_candil, Castelao, Cousas, Enrique_Rodríguez_Baixeras, flocos.tv, Miguel Castelo
Publicado en Bacharelato, Cine, ESO, Literatura, Recursos de aula, Vídeo | Leave a Comment »
Novembro 21, 2008
A Fundación Galiza Sempre acaba de publicar un facsímile do Manifesto da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala, celebrada en Lugo os días 17 e 18 de novembro de 1918.
O movemento das Irmandades da Fala xurdira en maio de 1916 na Coruña promovido por Antón Vilar Ponte e tiña como obxectivo principal o de reivindicar a lingua e a cultura de Galicia. Pouco a pouco constituíronse outras agrupacións locais en Santiago de Compostela, Monforte de Lemos, Pontevedra, Ourense e Vilalba e fóronse sumando intelectuais e escritores como Castelao, Cabanillas, Risco, etc., que participaban activamente na publicación de A Nosa Terra, voceiro das Irmandades da Fala dende novembro de 1916. Na Asemblea Nacionalista de Lugo de 1918 estas agrupacións convertéronse nunha federación, que tiña entre os seus obxectivos:
– A cooficialidade lingüística entre galego e castelán.
– Unha ampla autonomía que permitise resolver os problemas económicos e sociais do país.
– Fomentar a cultura propia de Galicia.
– O ingreso das nacionalidades na Liga das Nacións e federalismo con Portugal.
Faise eco desta noticia o xornal dixital Vieiros.
O profesorado pode empregar este recurso para ampliar información sobre a unidade 1 de 4º de ESO e sobre a unidade onde se tratan as Irmandades da Fala en 2º de Bacharelato. Tamén é de interese para as unidades de ESO e Bacharelato onde se trata a historia da lingua galega no século XX.
Etiquetas:1º Bacharelato, 2º Bacharelato, 4º ESO, A_Nosa_Terra, Galiza_Sempre, Irmandades_da_Fala, vieiros
Publicado en Bacharelato, ESO, Literatura, Noticias, Recursos de aula, Sociolingüística | Leave a Comment »
Novembro 19, 2008
O Museo de Pontevedra pon a disposición dos usuarios e usuarias de Internet 1611 traballos gráficos de Castelao que se poden consultar e ampliar até o detalle. As ilustracións de As cruces de pedra na Bretaña, as de Os dous de sempre, as de Os vellos non deben de namorarse, cadros, distintos borradores para carteis… A partir de agora todo isto está accesible na páxina web do Museo de Pontevedra.
Un recurso interesante para ampliar información sobre o autor de Rianxo, sobre todo en 4º de ESO e en 2º de Bacharelato.
Etiquetas:2º Bacharelato, 4º ESO, Castelao, Museo_Pontevedra
Publicado en Bacharelato, ESO, Literatura, Recursos de aula, TIC, Uncategorized | 1 Comment »
Xullo 7, 2008
Méndez Ferrín publicou no Faro de Vigo este fermosísimo texto descritivo sobre Eduardo Blanco Amor a partir dunha foto de familia de aproximadamente o ano 1908. Permitiranos afondar na biografía do grande escritor de Ourense.
Pode empregarse como apoio aos contidos de literatura de 4º de ESO e 2º de Bacharelato.
Reproducimos un breve fragmento:
Eduardo fita o obxectivo cunha sorte de desafío no que adiviñamos curiosidade e perspicacia. Un inicio de sorriso anuncia o xesto inconfundíbel que coñecimos no Eduardo adulto cando el marcaba as distancias co mundo e nos escrutaba a todos tratando de adiviñar segredos e intencións.
Etiquetas:2º Bacharelato, 4º ESO, Blanco_Amor, Faro_de_Vigo, Méndez_Ferrín
Publicado en Fotografía, Literatura, Recursos de aula, Textos | Leave a Comment »
Xuño 27, 2008
Na sección «Luces» de El País Daniel Salgado publica unha interesante reportaxe sobre a novela policial. A partir da descrición das características máis destacadas de cada un dos detectives protagonistas (Nivardo Castro, Frank Soutelo, Horacio Dopico…) realízase un percorrido polos títulos do «xénero negro» en Galicia. Este tipo de novela comeza a súa andadura na nosa literatura con Crime en Compostela, de Carlos G. Reigosa, que en 1984 obtivo o 1º Premio Xerais de Novela.
Esta reportaxe pode ter aproveitamento na aula para complementar os contidos de Literatura de 4º de ESO e de 2º de Bacharelato.
Etiquetas:2º Bacharelato, 4º ESO, el_país, luces, novela_policial, reportaxe
Publicado en Literatura, Recursos de aula, Textos | Leave a Comment »
Xuño 3, 2008
Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo publicou unha guía con enderezos de Internet, que se pode descargar, onde se atopa información en galego sobre temas tan variados como banda deseñada, cultura popular, ecoloxismo, educación, imaxe e audiovisual, información cultural, libros e literatura, lingua, música, xornais e información xeral, etc.
Consideramos de moito interese o seu coñecemento por parte do profesorado de Lingua e Literatura de ESO e de Bacharelato, xa que moitas das páxinas citadas poden ser empregadas como recursos de aula ou para ampliar información sobre determinados contidos.
Etiquetas:1º Bacharelato, 1º ESO, 2º Bacharelato, 2º ESO, 3º ESO, 4º ESO, Internet, TIC
Publicado en Recursos de aula, TIC | Leave a Comment »