Archive for the ‘Noticias’ Category

“Unha lingua para todos”: manifesto da RAG sobre o estado da lingua

Maio 13, 2009

presidente_Real_Academia_GalegaA Real Academia Galega fixo público onte un manifesto onde se pronuncia sobre o estado actual da lingua galega. Consideramos que este documento supón un paso importante na defensa do idioma galego e un posicionamento claro da RAG respecto do debate creado nos últimos meses arredor desta cuestión.

Segundo a Academia, deberíase conseguir un acordo social integrador a prol do uso, a dignidade e a continuidade do idioma, sustentado basicamente en que a lingua galega é un patrimonio de todos e todas (e polo tanto debe quedar fóra de controversias partidarias), no impulso do multilingüismo, na reafirmación e desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e no compromiso de impulsar unha igualdade lexislativa canto aos dereitos e deberes dos cidadáns e cidadás co castelán e co galego.

Hoxe fanse eco da noticia , entre outros, os seguintes xornais: Galicia Hoxe, Vieiros, A Nosa Terra, Xornal de Galicia, Faro de Vigo, El Progreso e El País.

Advertisement

Edítase o facsímile do Manifesto da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala

Novembro 21, 2008

manifesto_irmandadesA Fundación Galiza Sempre acaba de publicar un facsímile do Manifesto da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala, celebrada en Lugo os días 17 e 18 de novembro de 1918.

O movemento das Irmandades da Fala xurdira en maio de 1916 na Coruña promovido por Antón Vilar Ponte e tiña como obxectivo principal o de reivindicar a lingua e a cultura de Galicia. Pouco a pouco constituíronse outras agrupacións locais en Santiago de Compostela, Monforte de Lemos, Pontevedra, Ourense e Vilalba e fóronse sumando intelectuais e escritores como Castelao, Cabanillas, Risco, etc., que participaban activamente na publicación de A Nosa Terra, voceiro das Irmandades da Fala dende novembro de 1916. Na Asemblea Nacionalista de Lugo de 1918 estas agrupacións convertéronse nunha federación, que tiña entre os seus obxectivos:

– A cooficialidade lingüística entre galego e castelán.

– Unha ampla autonomía que permitise resolver os problemas económicos e sociais do país.

– Fomentar a cultura propia de Galicia.

– O ingreso das nacionalidades na Liga das Nacións e federalismo con Portugal.

Faise eco desta noticia o xornal dixital Vieiros.

O profesorado pode empregar este recurso para ampliar información sobre a unidade 1 de 4º de ESO e sobre a unidade onde se tratan as Irmandades da Fala en 2º de Bacharelato. Tamén é de interese para as unidades de ESO e Bacharelato onde se trata a historia da lingua galega no século XX.

Vocabulario Multilingüe de Economía na rede

Novembro 4, 2008

Informan Vieiros e Culturagalega de que a partir deste momento pódese utilizar unha nova ferramenta en Internet: o Vocabulario Multilingüe de Economía, proxecto coordinado pola Universidade de Santiago e pola Universidade Pompeu Fabra de Cataluña. Nesta páxina podemos consultar terminoloxía específica sobre economía en distintas linguas: galego, catalán, éuscaro, castelán e inglés.

Aínda que nestes momentos non está totalmente depurada, pode ser de interese para ampliar información sobre os temas de terminoloxía específica propostos nas unidades 6 e 7 (apartado de Léxico) do libro do alumnado de Lingua e Literatura 1º de Bacharelato de Xerais.

As últimas publicacións do Consello da Cultura Galega

Setembro 12, 2008

O Consello da Cultura Galega acaba de presentar estes días dúas obras interesantes para o profesorado de Lingua e literatura galegas de Educación Secundaria.

Por un lado está o informe titulado Situación do ensino da lingua e da literatura galega na Educación Secundaria Obrigatoria. Dirixido por Bieito Silva Valdivia, estéase nunha enquisa realizada nos anos 2005-2007 a alumnado e profesorado de 2º e 4º de ESO e constata o feito de que os resultados obtidos a partir da introdución do estudo da lingua galega no ensino son inferiores aos esperados.

Tamén se presentou esta semana a obra Papés d’emprenta condenada. A escrita galega entre 1797 e 1846. Neste traballo, de interese para traballar en 1º de Bacharelato, recóllense todos os textos escritos en lingua galega durante a primeira metade do século XIX e estúdanse dende distintas perspectivas.

Decreto de Bacharelato LOE

Xuño 23, 2008

No DOG de hoxe sae publicado o Decreto que establece o currículo de Bacharelato LOE da Consellería de Educación. Inclúe os currículos de todas as materias e o regulamento das ensinanzas desta etapa educativa. Pódese descargar completo aquí.

No que se refire especificamente á materia de Lingua Galega e Literatura I e II, vai da páxina 12.209 á 12.214 do DOG.

Enquisa sobre o idioma

Xuño 22, 2008

Faro de Vigo publica unha información sobre os datos dunha enquisa recente sobre o uso do idioma realizada polo Observatorio da Lingua Galega. Ten utilidade didáctica pola actualidade dos datos (ano 2007).

Tamén publican esta información Vieiros, A Nosa Terra, e Galicia Hoxe.

«No meu mar, na miña lingua»: proxecto de recuperación de léxico mariñeiro do IES Félix Muriel

Xuño 18, 2008

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Félix Muriel de Rianxo realizou durante este curso 2007-2008 un marabilloso traballo de investigación consistente na recuperación de léxico mariñeiro.

O alumnado esteou o seu traballo en catro temas: partes da embarcación, embarcación de vela, navegación a vela e remo tradicional.

Sobre esta estrutura elaboraron cinco fichas de vocabulario (coa definición dos termos, comparativa da existencia dos termos en diversos dicionarios, resultados da enquisa, correspondencias galego-castelán, correspondencias galego-castelán-portugués-francés) e catro fermosas láminas onde se mostra de forma moi clara e visual a que fai referencia cada termo.

En culturagalega pódense escoitar as declaracións sobre o proxecto de Valentina Formoso, unha das súas responsables.

Dende Edicións Xerais queremos felicitar a todo o profesorado e o alumnado do IES Félix Muriel de Rianxo e sobre todo ao seu Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística por levar a cabo unha iniciativa tan interesante.

A importancia das TIC no ensino

Xuño 9, 2008

O diario dixital A Nosa Terra faise eco da importancia do uso das novas tecnoloxías como recurso didáctico fundamental con motivo da entrega do II Premio Espiral edublogs 08.

A necesidade de promocionar e aplicar as tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) no ámbito educativo é un dos principios do proxecto de Edicións Xerais para a materia de Lingua e Literatura.

En Lingua e Literatura 1º ESO inclúese como texto de lectura para a súa reflexión a reportaxe titulada “O fenómeno blog”. Entre outros contidos, no apartado «Traballo co texto» correspondente a esta lectura proponse a creación dun blog de aula:

En Lingua e Literatura 2º ESO, o apartado «Lingua e sociedade» da unidade 3 está dedicado á importancia das novas tecnoloxías na sociedade actual:

Así mesmo, trátase o correo electrónico, o blog ou as mensaxes SMS como novas formas de comunicación a carón doutras máis tradicionais como cartas ou diarios:

No segundo ciclo, o material de Lingua e Literatura 3º ESO dedica o apartado «Lingua e sociedade» da unidade 11 á presenza da lingua galega en Internet:

E en Lingua e Literatura 4º ESO trátanse, por unha parte, as características dos xornais dixitais e, por outra, a importancia das TIC na comunicación actual:

En Bacharelato, o manual de Lingua e Literatura 1 Bacharelato trata, dentro da «Reflexión sobre o texto», as características da escrita en Internet e trabállase en concreto a estrutura dos blogs:

O traballo coas TIC tamén se fomenta ao longo de todo o libro a través de propostas de actividades que promoven o uso das novas tecnoloxías como ferramentas indispensables na actualidade para a busca e o tratamento da información.

Edición facsimilar da «Égloga de Belmiro e Benigno», de Nicomedes Pastor Díaz

Maio 14, 2008

O Consello da Cultura Galega realizou unha edición facsimilar do manuscrito autógrafo da “Égloga de Benigno e Belmiro”, de Nicomedes Pastor Díaz, un dos escritores do Prerrexurdimento que estudamos en Lingua e Literatura de 1º de Bacharelato. Este texto foi descuberto e publicado por Xosé María Álvarez Blázquez, autor homenaxeado este ano con motivo do Día das Letras Galegas.

En 1951 a editorial Monterrey, fundada polo propio Álvarez Blázquez o ano anterior, publicou Poesías galegas. Égloga de Belmiro e Benigno. A alborada, onde se recolle toda a poesía galega de Nicomedes Pastor Díaz con ilustracións a cor de Xosé Sesto.

No ano 2001, e debido á celebración dos Premios Xerais en Viveiro, lugar de nacemento do autor da Égloga, Edicións Xerais de Galicia, en colaboración con este Concello, preparou unha edición facsimilar da primeira de Monterrey.

Nace “Xerais lingua”

Maio 7, 2008

Con esta primeira anotación nace “Xerais lingua”, un blog destinado ao profesorado de Lingua e Literatura Galegas do Ensino Secundario.