Archive for Xaneiro 2009

Exeria: unha aplicación informática contra a linguaxe sexista

Xaneiro 20, 2009
exeriaOnte foi presentada «Exeria» unha aplicación informática que permite a revisión lingüística de textos coa finalidade de conseguir un uso non sexista da linguaxe. Esta ferramenta detecta unha serie de termos susceptibles dun uso sexista e propón diferentes suxestións e alternativas.
Ademais da propia aplicación, que se pode descargar de balde na súa páxina e que e compatible cos sistemas operativos GNU/Linux, Windows e MacOSX, pódese consultar o seu glosario dende a propia Rede.
En todos os seus materiais educativos Edicións Xerais intenta transmitirlle ao alumnado e ao profesorado a necesidade de utilizar unha linguaxe non sexista e non discriminatoria. Na materia de Lingua e literatura este é un contido que se presenta de forma transversal ao longo de todas as unidades e de todos os niveis. Ademais, tamén se trata de forma específica nalgúns apartados concretos, como no caso de «Lingua e sociedade» unidade 10 de Lingua e literatura 4ºde ESO: «Por unha linguaxe non sexista».
Dende Edicións Xerais de Galicia recibimos con agrado este tipo de iniciativas que contribúen a mellorar os usos lingüísticos e as relacións entre as persoas.
Advertisement

Flocos.tv, un recurso interesante sobre cine galego

Xaneiro 7, 2009

cartel_pai_miguelinoFlocos.tv é unha páxina creada hai uns meses pola Axencia Audiovisual Galega e que ten un grande interese para obter información histórica e actual sobre o cine galego, tanto no que se refire á ficción, como ao cine de animación ou ao documental.
Ademais, conta tamén cun apartado de ciclos temáticos do cal nestes momentos recomendamos o denominado «Especial anos 70 (I)», onde se poden ver as curtas «O pai de Migueliño» de Miguel Castelo e «O cadaleito» Enrique Rodríguez Baixeras. Estas obras foron realizadas baseándose nos contos «O pai de Migueliño», de Castelao (Cousas) e «A caixa do morto», de Ánxel Fole (Á lus do candil).
Recomendamos o seu emprego como recurso didáctico de literatura comparada cando se traballen as obras destes dous autores e para o tratamento específico do tema do cine, que nos libros de Xerais se atopa na unidade 6 de Lingua e Literatura 3º de ESO (apartados «Formas de comunicación» e «Os nomes das cousas»).