Archive for Xuño 2008

«Detectives de papel»: reportaxe sobre a novela policial

Xuño 27, 2008

Na sección «Luces» de El País Daniel Salgado publica unha interesante reportaxe sobre a novela policial. A partir da descrición das características máis destacadas de cada un dos detectives protagonistas (Nivardo Castro, Frank Soutelo, Horacio Dopico…) realízase un percorrido polos títulos do «xénero negro» en Galicia. Este tipo de novela comeza a súa andadura na nosa literatura con Crime en Compostela, de Carlos G. Reigosa, que en 1984 obtivo o 1º Premio Xerais de Novela.

Esta reportaxe pode ter aproveitamento na aula para complementar os contidos de Literatura de 4º de ESO e de 2º de Bacharelato.

Advertisement

Linguas en perigo

Xuño 24, 2008

Parécenos moi interesante a entrevista que en culturagalega lle fan a Carme Junyent a partir da súa participación no encontro «Sociedades plurilingües: da unidade á diversidade», que se celebrou a semana pasada no Consello da Cultura Galega.

Segundo esta investigadora, presidenta do «Grup d’Estudi de Llengües Amenaçades» e unha das maiores especialistas da Península en linguas en perigo, durante o século XXI desaparecerán entre o 50 e o 90% das linguas faladas actualmente, entre outros motivos porque máis dun 40% das linguas xa non se están transmitindo interxeracionalmente. Destaca ademais Carme Junyent a perda de coñecemento que supón a desaparición dunha lingua.

Esta entrevista pode ter moi bo aproveitamento como recurso de aula para traballar os seguintes contidos de Lingua 1º de Bacharelato:

– A diversidade lingüística no mundo e en Europa: unidade e diversidade lingüística. Multilingüismo e plurilingüismo.

– A diversidade lingüística na Península Ibérica: linguas faladas na Península Ibérica. Territorios usos e situación legal. O caso galego.

Tamén pode servir para contidos de 2º de Bacharelato:

– Linguas minorizadas e linguas minoritarias. O galego: lingua en vías de normalización.

Decreto de Bacharelato LOE

Xuño 23, 2008

No DOG de hoxe sae publicado o Decreto que establece o currículo de Bacharelato LOE da Consellería de Educación. Inclúe os currículos de todas as materias e o regulamento das ensinanzas desta etapa educativa. Pódese descargar completo aquí.

No que se refire especificamente á materia de Lingua Galega e Literatura I e II, vai da páxina 12.209 á 12.214 do DOG.

Enquisa sobre o idioma

Xuño 22, 2008

Faro de Vigo publica unha información sobre os datos dunha enquisa recente sobre o uso do idioma realizada polo Observatorio da Lingua Galega. Ten utilidade didáctica pola actualidade dos datos (ano 2007).

Tamén publican esta información Vieiros, A Nosa Terra, e Galicia Hoxe.

“De aldeanos” (“De aldeáns”)

Xuño 21, 2008

Cremos que esta curta, gañadora do Iº Premio de curtas na rede, constitúe un interesante recurso didáctico para abordar os contidos de sociolingüística.

«No meu mar, na miña lingua»: proxecto de recuperación de léxico mariñeiro do IES Félix Muriel

Xuño 18, 2008

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Félix Muriel de Rianxo realizou durante este curso 2007-2008 un marabilloso traballo de investigación consistente na recuperación de léxico mariñeiro.

O alumnado esteou o seu traballo en catro temas: partes da embarcación, embarcación de vela, navegación a vela e remo tradicional.

Sobre esta estrutura elaboraron cinco fichas de vocabulario (coa definición dos termos, comparativa da existencia dos termos en diversos dicionarios, resultados da enquisa, correspondencias galego-castelán, correspondencias galego-castelán-portugués-francés) e catro fermosas láminas onde se mostra de forma moi clara e visual a que fai referencia cada termo.

En culturagalega pódense escoitar as declaracións sobre o proxecto de Valentina Formoso, unha das súas responsables.

Dende Edicións Xerais queremos felicitar a todo o profesorado e o alumnado do IES Félix Muriel de Rianxo e sobre todo ao seu Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística por levar a cabo unha iniciativa tan interesante.

Programación de «Lingua e Literatura 4º de ESO»

Xuño 12, 2008

Poñemos á disposición do profesorado de ESO a programación de Lingua e literatura de 4º de ESO de Xerais para o curso 2008-2009, que se pode descargar aquí en formato pdf.

Programación de «Lingua e Literatura 2º de ESO»

Xuño 11, 2008

Poñemos á disposición do profesorado de ESO a programación de Lingua e Literatura 2º de ESO de Xerais para o curso 2008-2009, que se pode descargar aquí en formato pdf.
En breve subiremos tamén a programación de Lingua e Literatura 4º de ESO.

A importancia das TIC no ensino

Xuño 9, 2008

O diario dixital A Nosa Terra faise eco da importancia do uso das novas tecnoloxías como recurso didáctico fundamental con motivo da entrega do II Premio Espiral edublogs 08.

A necesidade de promocionar e aplicar as tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) no ámbito educativo é un dos principios do proxecto de Edicións Xerais para a materia de Lingua e Literatura.

En Lingua e Literatura 1º ESO inclúese como texto de lectura para a súa reflexión a reportaxe titulada “O fenómeno blog”. Entre outros contidos, no apartado «Traballo co texto» correspondente a esta lectura proponse a creación dun blog de aula:

En Lingua e Literatura 2º ESO, o apartado «Lingua e sociedade» da unidade 3 está dedicado á importancia das novas tecnoloxías na sociedade actual:

Así mesmo, trátase o correo electrónico, o blog ou as mensaxes SMS como novas formas de comunicación a carón doutras máis tradicionais como cartas ou diarios:

No segundo ciclo, o material de Lingua e Literatura 3º ESO dedica o apartado «Lingua e sociedade» da unidade 11 á presenza da lingua galega en Internet:

E en Lingua e Literatura 4º ESO trátanse, por unha parte, as características dos xornais dixitais e, por outra, a importancia das TIC na comunicación actual:

En Bacharelato, o manual de Lingua e Literatura 1 Bacharelato trata, dentro da «Reflexión sobre o texto», as características da escrita en Internet e trabállase en concreto a estrutura dos blogs:

O traballo coas TIC tamén se fomenta ao longo de todo o libro a través de propostas de actividades que promoven o uso das novas tecnoloxías como ferramentas indispensables na actualidade para a busca e o tratamento da información.

Axenda de enderezos de Internet en galego

Xuño 3, 2008

Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo publicou unha guía con enderezos de Internet, que se pode descargar, onde se atopa información en galego sobre temas tan variados como banda deseñada, cultura popular, ecoloxismo, educación, imaxe e audiovisual, información cultural, libros e literatura, lingua, música, xornais e información xeral, etc.
Consideramos de moito interese o seu coñecemento por parte do profesorado de Lingua e Literatura de ESO e de Bacharelato, xa que moitas das páxinas citadas poden ser empregadas como recursos de aula ou para ampliar información sobre determinados contidos.