O novo manual que Edicións Xerais presenta para o alumnado de Lingua e Literatura 2º de ESO foi elaborado por Agustín Fernández Paz, Emiliano Orizales Orizales, Xosé Manuel Moo Pedrosa, Ramón Nicolás Rodríguez e Anaír Rodríguez Rodríguez.
Esta nova proposta, con 200 páxinas, presenta doce unidades onde se desenvolve o currículo establecido pola Consellaría de Educación da Xunta de Galicia (2007). Na parte final engádese un apéndice de contidos morfolóxicos, ortográficos e o vocabulario traballado no libro.
Cada unidade consta dos seguintes apartados:
LECTURA: proposta dun texto de traballo pertencente a distintas tipoloxías e xéneros literarios (narrativa, poesía, teatro, cómic, reportaxe), con ilustracións de Javi Montes.
TRABALLO CO TEXTO: proposta de actividades a partir da lectura estruturada en tres apartados (ao igual que no resto dos cursos da ESO):
– Comprendemos: comprensión textual oral e escrita.
– Expresámonos: expresión oral e escrita.
– Reflexionamos: actividades sobre ortografía, léxico, morfosintaxe, fraseoloxía…
Sempre que sexa pertinente, ofrécense referencias a páxinas web para ampliar coñecementos sobre o autor ou autora, ou sobre algún aspecto traballado na dobre páxina.
FORMAS DE COMUNICACIÓN: neste apartado abórdanse contidos sobre comunicación textual oral e escrita, tipoloxía textual e xéneros literarios. Entre outros, preséntanse os seguintes contidos:
– Textos instrutivos (unidade 3).
– A noticia e a crónica (unidade 4), con fichas de análise e concedéndolle moita importancia a información gráfica.
– Un mundo de mensaxes: cartas persoais, correo electrónico, diario, blog… (unidade 5).
– Escribir co procesador de textos (unidade 7).
OS NOMES DAS COUSAS: dobre páxina onde se traballan os contidos léxicos a partir dunha ilustración a gran tamaño. Ao final de cada dobre páxina, nun recadro denominado “A voltas co vocabulario” incídese en determinados contidos relacionados co léxico e a semántica (prefixación, sufixación, sinonimia, polisemia…).
A LINGUA POR DENTRO: desenvólvense os contidos de morfosintaxe a partir dos textos, cun enfoque comunicativo:
– Trabállanse as categorías gramaticais e as funcións sintácticas, relacionándoas coas unidades que desempeñan estas funcións.
– Os contidos conceptuais máis importantes aparecen claramente destacados, mediante filetes ou mediante cadros que permiten que o alumnado poida discernir con facilidade a información principal da secundaria.
– Ao final do apartado ofrécese unha síntese dos contidos traballados.
LINGUA E SOCIEDADE: abórdanse os contidos de sociolingüística, cun tratamento moi visual da información (mapas, gráficos, viñetas…) e con propostas de traballo coas novas tecnoloxías.
ESCRIBIMOS BEN: preséntanse os contidos de ortografía, adecuación, coherencia e cohesión textual.
– Primeira páxina: contidos de ortografía e puntuación, sempre partindo de textos.
– Segunda páxina: contidos de gramática textual e de comprensión e produción de textos. Diversidade textual: textos literarios, xornalísticos, extraídos das novas tecnoloxías, textos de instrucións, correos electrónicos…
Premendo na imaxe que vén deseguido pódese ver, completa, a táboa de contidos do libro.